Como xa sabedes este ano dedícase o Día das Letras Galegas á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Como di a Real Academia Galega "Este é o recoñecemento ás nosas devanceiras é á nosa memoria, á nosa historia como pobo e ao mantemento da nosa lingua, desde a alegría da música e a celebración".
Desde o Equipo de Biblioteca, Dinamización Lingüística e Departamento de Lingua Galega e Literatura queremos contribuir con diversas propostas para celebralo todos xuntos no IES San Tomé.
Ademais de ver os documentais que vos enlazaremos dende o blog, propoñémosvos que participedes nestas actividades:
RECOLLEMOS AS NOSAS CANTIGAS
Esta actividade consiste en recoller cantigas populares que canten as vosas familias ou xente da contorna. Soamente precisades preguntar aos vosos pais, nais, avós, avoas, veciños/as... e gravar aquilo que vos canten. O audio debe conter o nome do alumno/a participante e o nome da persoa informante. Ten que ser gravado en formato mp4 ou mp3 e enviarse antes do 8 de maio ao correo da biblioteca (santomebiblioteca@gmail.com). O correo da biblioteca tamén pode ser consultado na páxina principal do blog.
O resultado do voso traballo estará a disposición da comunidade escolar no blog A Casiña do Patio.
MICROABERTO
A música chega ata nós a través de diversos medios pero que mellor que en VIVO E EN DIRECTO!
Con esta proposta, dirixida a toda comunidade educativa, ides ter a posibilidade de interpretar todas as cantigas populares que coñezades.
O venres 16 de maio durante o recreo teredes a oportunidade de tocar, cantar e mesmo bailar en grupo, en parella, de forma individual todos eses cantos populares que xa coñecedes.
Para contar con vós é importante que vos anotedes na biblioteca ou que llo digades a calquera dos membros do equipo antes do 8 de maio.
Agardámosvos na Casiña para festexar este 17 de maio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario